No medio do mar, estando nós xantando, rillando, parolando e facendo fermosos e cortos discursos, Pantagruel ergueuse e ficou en pé para explorar o arredor. Despois, díxonos:
– Compañeiros non ouvides nada? Paréceme que estou a ouvir xente que fala no aire e mais non vexo ninguén. Escoitade!
Tras esta súa orde todos nos puxemos atentos e zugabamos o aire coas orellas, como fermosas ostras abrindo a súa cuncha, para escoitarmos se algunha voz ou algún son se esparexía por alí. E para non perdermos nada, a exemplo do emperador Antonino, algúns puñamos a palma da man detrás das orellas. Con todo, asegurabamos non sentir voz ningunha.
Pantagruel continuou, afirmando ouvir no aire diversas voces tanto de homes como de mulleres, cando nós decatámonos de que ou estabamos tamén a ouvilas ou nos cantaban as orellas. Canto máis perseverabamos a escoitar, máis dexergabamos as voces, ata sentirmos palabras enteiras. O que nos aterrou grandemente, e non sen motivo, ao non vermos ninguén e sentirmos voces e sons tan diversos de homes, de mulleres, de rapaces e de cabalos, de xeito que Panurgo exclamou:
-Caso en tal! Fan bulra de nós? Estamos perdidos. Lisquemos! É unha emboscada. Frei Xoán, estás aí, meu amigo? Tente cabo de min, suplícocho. Tes o teu bracamarte? Coida de que non quede pegado á baíña. Ti non lle desenferruxas a metade. Estamos perdidos! Escoitai! Deus me asista, son canonazos! Lisquemos
Pantagruel, sentindo o escándalo que formaba Panurgo, dixo:
– Quen é ese que quere fuxir? Vexamos primeiro qué xente é ela. Pode que sexan dos nosos. Aínda non vexo ninguén e mais estou a mirar cen millas arredor. Pero escoitemos. Lin que un filósofo chamado Petrón era da opinión de que había varios mundos que se tocaban os uns aos outros en figura de triángulo equilátero, e dicía que no seu pé e centro estaba a morada da Verdade e a vivenda das Palabras, as Ideas, os Exemplares e retratos de todas as cousas pasadas e futuras, e que arredor destas estaba o Século. E que certos anos, en longos intervalos, unha parte deles caía enriba dos humanos como secrecións catarrosas e como caíu o orballo riba do guedello de Xedeón, e outra parte ficaba reservada para o porvir, ata a consumación do Século.
Lémbrome tamén que Aristóteles mantén que as palabras de Platón revoan, dan reviravoltas e se moven, e por conseguinte están animadas.
De por parte, Antífanes dicía que a doutrina de Platón canto ás palabras era semellante, e que elas, nalgunha bisbarra, no tempo do inverno forte, cando son proferidas, conxélanse, xeadas no lazo, e non son ouvidas. Polo mesmo motivo, o que Platón lles ensinaba ao rapaces pequenos apenas o daban estes escoitado cando ían vellos.
Agora sería cousa de filosofar e de pescudar se por gran fortuna sería este o lugar no que tais palabras se desconxelan. Quedariamos ben asombrados se fosen a cabeza e a lira de Orfeo. Porque despois de que as mulleres tracias despedazaron a Orfeo botaron a súa cabeza e a súa lira ao río Hebros. Estas baixaron polo río ao mar Póntico ata a illa de Lesbos, sempre nadando xuntas polo mar. E da cabeza saía continuamente un canto lúgubre, como lamentando a morte de Orfeo. A lira, co impulso dos ventos que a movían, harmonizaba os seus acordes co canto. Miremos se as vemos de arredor de aquí.
Respondeu o piloto:
– Señor, non vos asustedes de nada! Aquí é o confín do mar glacial, onde tivo lugar, a comezo do inverno pasado, unha longa e dura batalla entre os arismapianos e os nefelibatos. Entón conxeláronse no aire as palabras e os berros dos homes e mulleres, os crocazos das mazas, as zoupadas das armaduras e das carapazas, o rinchar dos cabalos e todo o restante balbordo do combate. Arestora, pasado o rigor do inverno, chegada a serenidade e a mornura do bo tempo, fúndense e son ouvidas.
– Deus me valla! -dixo Panurgo- Créoo ben, mais poderiamos ver algunha delas? Lémbrome ter lido que, dende a aba da montaña na que Moisés recibiu a lei dos xudeus, o pobo vía as voces de xeito sensíbel.
– Tomade, tomade! -dixo Pantagruel- Velaí tedes algunhas que aínda non están desconxeladas.
Entón botounos enriba da cuberta mancheas de palabras conxeladas, que semellaban graxeas perladas de diversas cores. Vimos palabras vermellas, palabras verdes, palabras azuis, palabras negras, palabras douradas. Elas, ao que queceran un pouquiño nas nosas mans, fundíanse como a neve, e ouviamolas realmente pero non as entendiamos porque era lingua bárbara. Non sendo unha algo grosiña, que frei Xoán fixera quecer nas súas mans, e fixo un son coma o das castañas que se botan á brasa sen estaren amoxetadas cando estoupan, facéndonos sobresaltar a todos co medo.