Maruxa Barrio e eu preparamos dúas escolmas de literatura popular galega: unha dirixida a transmitir o rico tesouro patrimonial aproveitándoo no desenvolvemento dos máis pequenos, e outra unha antoloxía do noso conto popular, organizando e peneirando as recolleitas dos nosos grandes etnógrafos. Como unha pequena continuación daquela angueira propoño agora esa Flor da cantiga.
E seguindo coas cantigas, é dicir coas cancións, meto aquí esa Caixiña de música con media ducia de traducións que fixen, unhas solicitadas por amigos para as súas corais e outras por propia iniciativa. Van tamén algunha partitura e aquí podedes atopar a interpretación pública dalgunhas versións.
Reproduzo a serie de artigos publicados no seu día en A Nosa Terra baixo o título de O fío da lingua, que tiña o propósito de estimular a curiosidade pola linguaxe. O meu cometido foi nese caso o de lector e divulgador de filólogos. Finalidade didáctica, de aprendizaxe e mellora do noso galego, ten igualmente Desaprenda a falar galego en 15 días, concibida como actividade predominantemente lúdica. E tamén é práctico para perfeccionarmos o noso coñecemento do galego Como dicilo?
Finalmente inclúo, en galego na edición base publicada en papel (La Galice, dez séculos de olladas francesas) e en francés na edición ampliada e dixital (La Galice racontée par des Français) unha serie de traballos, e de pesquisas que fun realizando ao longo dos anos sobre a presenza de Galiza en textos franceses. Hai unha asombrosa continuidade de testemuños dende a Chanson de Roland ao século XXI que é interesante coñecer. E constitúe para min un honor poder contar no segundo caso cun prefacio do meu amigo Ramón Chao.
Ás editoriais Galaxia, Xerais, Laiovento e Servizo de Publicacións da USC, o meu sincero agradecemento.
1983 - Lerias en enredos para os máis pequenos.
1994 - Antoloxía do conto popular galego.
2005 - O fío da lingua (PDF e EPUB).
2009 - La Galice, dez séculos de olladas francesas.
2010 - Desaprenda a falar galego en 15 días cos erros dun tradutor automático (PDF).
2011 - La Galice racontée par des français (PDF e EPUB).
2014 - Flor da cantiga (PDF e EPUB).
2014 - Caixiña de música (PDF e EPUB).
2019 - Como dicilo? (PDF e EPUB).
