Velaquí algunhas das traducións que publiquei ao longo dos anos e que non están baixo o dominio dos dereitos de autor. En calquera caso, quero agradecer publicamente ás editoras o seu permiso para poñelas en libre disposición das lectoras e lectores, sempre baixo a licenza Creative Commons que indica a páxina de biografía. Agradezo, nomeadamente aos Cadernos da Escola Dramática Galega, Biblioteca-Arquivo Francisco Pillado Mayor da Universidade da Coruña, Editorial Laiovento, Revista Galega de Teatro, Servizo de Publicacións da Universidade de Santiago de Compostela, Editorial Galaxia, Edicións Xerais de Galicia e Rinoceronte Editora a súa xenerosidade ao me permitiren a publicación na web.
Inclúo tamén algunhas traducións que non foron publicadas en papel, como a de As cancións de Bilitis, a Crónica de Galiza no século XIV -que recolle o que nas súas voluminosas crónicas escribiu Jean Froissart sobre os acontecementos históricos na Galiza dese tempo- ou o Ubú Encadeado de Alfred Jarry. E inicio a tradución de Os Miserabeis co seu tomo I (Fantine).
Seguiremos a desconxelar palabras para aquelas persoas que non teñen o pracer de as saborearen na lingua orixinal, labor no que están empeñados tantos tradutores e tradutoras que lle fixeron dar ao noso idioma neste eido un verdadeiro chimpo de xigante nos últimos cincuenta anos